Astronomía na beirarrúa: abril 2009

29.4.09

Xuntanza de Telescopios o sábado 2 de Maio na Praza do Obradoiro

















No marco das celebracións do Ano Internacional da Astronomía 2009, a Vicerreitoria de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela e o Clube Vega de Astronomía, coa colaboración de Turismo de Santiago-Incolsa e da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, organizan unha Xuntanza de Telescopios que terá lugar o próximo sábado día 2 de Maio, na Praza do Obradoiro, con comezo ás 20h e remate ás 24h.

Nesta mostra participarán afeccionados e asociacións de toda Galicia, que porán a disposición do público asistente os seus telescopios e ofrecerán o seu asesoramento a todas as persoas que o desexen. A xornada inscríbese nas accións que se están a desenvolver a nivel mundial promovidas por diversos organismos internacionais para a recuperación do ceo nocturno como parte da paisaxe cotiá das nosas cidades e vilas, e como elemento fundamental do patrimonio cultural da humanidade, na liña recollida na Declaración Starlight (La Palma, 2007) recentemente adoptada pola Universidade de Santiago de Compostela. Será tamén unha ocasión para dar a coñecer as causas e efectos da contaminación lumínica e as súas posibeis solucións.

Será unha actividade lúdica e festiva, aberta a toda a cidadanía e ás persoas que nos visiten ese día, e incluirá unha observación nocturna dos ceos composteláns á que convidamos a todos os asistentes.

Etiquetas:

20.4.09

Curso "Ceos de Compostela"


Dentro das actividades do Ano Internacional da Astronomía 2009, a USC en colaboración con Turismo de Santiago-Incolsa, e a Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Compostela organiza o curso "Ceos de Compostela" dirixido a membros da comunidade universitaria, profesionais do turismo, animadores socioculturais e persoas interesadas, co obxectivo de proporcionar a formación básica para organizar e desenvolver actividades co ceo como centro de interese.

No curso abordaranse, entre outros contidos: O ceo da ciencia / Os ceos do Camiño de Santiago / O ceo e nós / Actividades da USC no AIA2009 / Organizacion de actividades / Sesións prácticas de observación

Profesorado:
Teresa Amado (Área de Filoloxía Grega, USC); Salvador Bará (Área de Óptica, USC, coordinador); Pedro Pablo Campo (Área de Astronomía, USC); Cecilia Criado (Área de Filoloxía Latina, USC); José Ángel Docobo (Área de Astronomía, USC); Begoña Fernández (Área de Historia da Arte, USC); José Ramón Mariño (Área de Antropoloxía Social, USC); Juan Monterroso (Área de Historia da Arte, USC); Fernando Mujico (Turismo de Santiago - Incolsa); Amelia Pereiro (Área de Filoloxía Grega, USC)

O prazo de inscrición remata este mércores día 22 de abril.

Máis información.

Muller e Astronomía

A coordinación estatal do Ano Internacional da Astronomía 2009 ten, entre os seus proxectos principais, o programa Ela é unha astrónoma, en cuxo equipo de traballo está a nosa compañeira do Observatorio Astronómico da USC Josefina Ling, e do que podedes ter máis información aqui.

A televisión educativa da UNED gravou no Observatorio Astronómico "Ramón María Aller" da USC un programa sobre a decisiva contribución das mulleres ao desenvolvemento da Astronomía que se emitiu o venres día 17 de abril de 10 a 11h. Podes velo nas webs

- Canal UNED http://www.canaluned.com
- www.rtve.es
- Canal Internacional de TVE www.rtve.es/television/tve-internacional

Etiquetas:

1.4.09

Programas de Cooperación na USC


Nos programas de cooperación "Descubre o ceo" e "Astronomia na beirarrúa" organizamos saídas nocturnas para desfrutar do ceo cos estudantes dos distintos centros da USC e coas asociacións veciñais dos barrios da cidade. As actividades fanse en datas variadas ao longo do ano, segundo a disponibilidade das persoas en cada centro/barrio (e segundo as condicións meteorolóxicas, claro) polo que non hai un calendario preestablecido.

Os estudiantes da USC poden conseguir un crédito de libre configuración colaborando na organización e realización destas actividades durante 20 horas, repartidas de xeito flexíbel entre agora e o remate do curso (setembro). Para apuntarse chega con mandar un correo á Vicerreitoría de Cultura da USC (vrcultur@usc.es) pedindo participar no programa "Descubre o ceo / Astronomia na beirarrúa". O límite de prazas é de 60, por orde de inscrición. Para participar nesta actividade non hai que pagar ningunha cota, é de balde.

Faremos un cursiño de formación práctico para que as persoas que queiran colaborar con nós coñezan as cousas que hai no ceo, como velas, como manexar facilmente un telescopio e tamén como organizar observacións participativas no campus ou nos barrios. As datas para ese curso non están aínda fixadas porque para iso teremos unha reunión informativa a mediados de abril na Escola Universitaria de Óptica (edificio Monte da Condesa, Campus Sur), na que en función do número e posibilidades da xente interesada tentaremos poñer as datas máis axeitadas para todos. Se queres que te avisemos cando se convoque esta reunión envíanos un mail.

Etiquetas: