Astronomía na beirarrúa: junho 2008

25.6.08

Este sábado en San Pedro


Este sábado, día 28, andaremos pola rúa de San Pedro durante todo o día, desfrutando das festas do barrio. Pasade por alí ! E pola noite observación na rúa, perto do Cruceiro, onde estará animando o baile a Orquestra Delirio. Queres coñecer o variado programa destas festas? Fai clic aqui. Parabéns á Comisión organizadora!

Etiquetas:

23.6.08

Noite no Casti

O sábado pasado subimos os trebellos até o barrio do Castiñeiriño para ver o ceo dentro das actividades da Semana Cultural organizada pola Asociación Veciñal e o centro sociocultural. Non estivemos moita xente, e as nubes dunha fronte que entrou dende o Atlántico obrigáronnos a recoller todo a iso das 00.30, pero antes desfrutamos dunhas marabillosas vistas de Saturno e Xúpiter.

Contamos coa inestimábel axuda dos colegas da activa Asociación Cielobarbanza, que trouxeron uns bos equipos cos que os aneis de Saturno ou as bandas da atmósfera de Xúpiter parecían estar ao alcance da man.

Na foto, de esquerda a dereita, Vivencio, da directiva da Asociación Veciñal, Javi do Clube Vega ollando o ceo con binoculares, Johnny, presidente de Cielobarbanza e Marcos, membro desa asociación.

Etiquetas:

17.6.08

Imos de festa(s) !!!

Estas semanas andaremos de novo pola rúa, de festa en festa, cos trebellos de ver o ceo. Para aquelas e aqueles que teñades tempo e vos preste, as próximas convocatorias son

- Sábado 21 de xuño: Estaremos no Campo da Festa no Barrio do Castiñeiriño para participar nas actividades organizadas pola Asociación Veciñal do barrio e o Centro Sociocultural. O Clube Vega organiza tamén unha observación no Centro Sociocultural da Trisca (San Pedro).

- Sábado 28 de xuño: Observación na rúa nas festas do Barrio de San Pedro. As actividades organízaas a Comisión de festas (http://fbsp.info/) co apoio da Asoc. Veciñal "A Xuntanza" ( http://www.axuntanza.org/) e a asoc. de comerciantes do barrio. Ese sábado hai feira de artesania na rúa durante todo o día. O programa de actividades preparado pola Comisión -dende o martes 24 até o domingo 29- é como todos os anos variado e interesante: botádelle unha ollada en http://fbsp.info/index.php?option=com_content&task=view&id=5&Itemid=6 e animádevos a pasar por San Pedro!

- Sábado 5 de xullo: Festa tamén por todo o alto na Praza Roxa, convidados pola Asociación Veciñal "Raigame", o Centro Sociocultural do barrio e Santiago Centro Comercio dentro da Primeira Festa Cidadá do Ensanche.

A partir das 21.30 ou 22h xa nos veredes... sodes benvid@s!

"Astronomía na beirarrúa" organiza actividades de astronomía nos espazos de vida cotiá dos barrios de Santiago de Compostela, en estreita colaboración coas asociacións e entidades veciñais. É unha iniciativa apoiada pola Vicerreitoría de Cultura da USC a traverso do seu Programa de Axudas a Proxectos de Cooperación Cultural e desenvolvida conxuntamente co Clube de Astronomía Vega de Santiago de Compostela.

Etiquetas:

9.6.08

Cielobarbanza: Astronomía na rúa en Boiro

O pasado sábado, día 7 de xuño, estivemos en Boiro convidados pola Asociación Astronómica Cielobarbanza para participar con eles na súa primeira actividade na rúa nesa vila, que foi todo un éxito.

Moitas veciñas e veciños achegáronse até a Praza do Concello para disfrutar co ceo. A Lúa e Saturno foron, desta vez, os obxectos máis vistos.

Pasámolo fenomenal. Os nosos parabéns @s amig@s de Cielobarbanza. E tamén ao Concello de Boiro, polas facilidades que deu para desenvolver a actividade, entre elas a de apagar o alumeado público da praza.

Se queres entrar en contacto e colaborar con esa asociación, ou simplemente queres estar ao día das súas interesantes actividades bótalle un ollo ao seu blog (fai clic aqui)

A nova na edición do Barbanza de "La Voz" (clic aqui)

Etiquetas: