Astronomía na beirarrúa: maio 2007

21.5.07

Noite Internacional da Astronomía na Beirarrúa

Organizada por asociacións e clubes de astronomía de todos os continentes, o pasado sábado día 19 de maio celebrouse no planeta Terra a ISAN - International Sidewalk Astronomy Night.
Astronomia na beirarrúa uniuse ao evento, como non. Tiñamos prevista unha observación sorpresa na cidade. Claro que, debido á mesta cuberta de nubes que había sobre Compostela, tivemos de cambiar de plans e adicamos o tempo a charlar da terra, do ceo e... de todo.
A ver se para o ano o Meteosat nos dá unha tregua :)

Etiquetas:

14.5.07

A luz das estrelas, patrimonio de tod@s

NOTA DE PRENSA DO INSTITUTO DE ASTROFÍSICA DE CANARIAS 23/ABRIL/2007

Presentouse a proposta para a

Declaración Mundial sobre o Dereito á Luz das Estrelas

"A sesión de clausura da Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito a Observar as Estrelas destacou a necesidade de dar continuidade a esta iniciativa


Logo de dous días de conferencias, charlas e demais actividades, o pasado venres dábase a coñecer o texto para a proposta de Declaración Mundial sobre o Dereito á Luz das Estrelas.

Tamén denominada “Declaración Starlight de La Palma”, afirma que o ceo foi, e seguirá a ser, unha fonte de inspiración para a humanidade; a súa contemplación representa, para todas as civilizacións, un elemento esencial no desenvolvemento do pensamento científico e humanístico.

Segundo se afirma na declaración, o dereito a un ceo nocturno nítido e á capacidade de observar o firmamento debe considerarse equiparábel ao resto dos dereitos (medioambientais, sociais e culturais). Ademais, a progresiva degradación do ceo nocturno é unha grave perda, polo que compre implicar a gobernos e institucións para que instauren normas que protexan os ceos nocturnos, facendo do consumo intelixente da enerxía un hábito. O coñecemento e a educación son poderosos vectores que poden achegar a ciencia á sociedade e contribuír ao avance da humanidade. Debe tamén promoverse o turismo cultural das estrelas como un recurso e un valor a potenciar, sen esquecer a salvagarda da biodiversidade asociada á noite.

Como afirmaron varios participantes, este é o comezo dun longo camiño, pero se espera que con este paso sexa posíbel establecer as bases dunha defensa efectiva contra a contaminación lumínica. No planeta todo acaba repercutindo en todos, polo que a defensa dos ben comúns debe facerse dende todos os países e de xeito multidisciplinar. O tesouro que representa o ceo nocturno debe garantirse formalmente para a súa protección, e ese foi e é o obxectivo principal de “Starlight”. "

"La Palma Declaration" (texto en inglés)

"Declaración de La Palma" (tradución ao español)

Máis información na páxina web da “Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito a observar as estrelas”
www.starlight2007.net

Etiquetas:

3.5.07

"Primeira luz" do Mak

O pasado 21 de abril, dende o alto do Monte da Condesa, no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela, viu a súa "primeira luz" un telescopio tipo Maksutov- Cassegrain de Astronomía na beirarrúa. Con 150 mm de diámetro, unha focal de 2 metros, e montura motorizada HEQ-5 é unha gozada de trebello. Esa noite había algo de turbulencia pero así e todo as vistas de Saturno, a Lúa e algúns cúmulos e galaxias (o que se adoitan chamar "obxectos de ceo profundo") eran despampanantes.
Na foto tedes aos cinco participantes no evento: de esquerda a dereita, Ramón (Clube Vega), Javi (Clube Vega), "o Maksutov" alineado e listo para observar (AnB), Rubén (Clube Vega e USC) e Salva (USC). A foto de abaixo é unha imaxe de Saturno obtida colocando unha cámara dixital barata a continuación do ocular do telescopio, con zoom óptico 3x, e sacando un pequeno video (avi) do cal se separaron as imaxes, se alinearon e sumaron para diminuir o ruido e atenuar en parte os efectos da turbulencia. O procesado foi feito co programa libre Registax (Para as persoas afeccionadas ao tratamento de imaxes por ordenador: só se realzou o obxecto cun filtrado suave con "wavelets", e a tonalidade da imaxe tal cal saíu da cámara non foi retocada: Visualmente Saturno tiña un tono menos azulado).
Pasar pasámolo en grande e esperamos que este instrumento nos dea moitas noites de observación.

Etiquetas:

1.5.07

Atopan un planeta parecido á Terra na zona habitábel da estrela Gliese 581

E do Barrio de San Pedro a un lugar perto dunha estrela a 190 billóns de kilómetros da Terra (si, si, "billóns" con "b").

Un equipo de astrónomos portugueses, suízos e franceses do Observatorio Europeo Austral (ESO) acaba de facer público o descubrimento dun planeta non demasiado diferente da Terra orbitando arredor da estrela Gliese 581. O novo planeta (Gliese 581 c), cun diámetro 50% maior que o da Terra, e unha masa unhas cinco veces superior, está a unha distancia tal da súa estrela que as temperaturas nel poderían permitir a existencia de auga líquida. Aínda non se puido detectar a presencia da auga, como tampouco existen datos fiábeis sobre as temperaturas reais na súa superficie, que poderían ser moi superiores ás previstas se no planeta existise un forte "efecto invernadero". Porén, a noticia é relevante, porque dos 229 planetas atopados até hoxe fóra do sistema solar (sabías que había tantos...?) a maioría son moito máis grandes que a Terra e están situados demasiado perto ou demasiado lonxe do seu sol como para poder albergar vida, tal como a coñecemos.

Se queres sabelo case todo sobre os planetas extrasolares detectados até o de agora, bótalle un ollo á Enciclopedia dos planetas Extrasolares


Titulares na web do E.S.O.:

Astronomers Find First Earth-like Planet in Habitable Zone

The Dwarf Carried Other Worlds Too!

Etiquetas: