Astronomía na beirarrúa: novembro 2007

22.11.07

De magosto no barrio de San Pedro

O pasado sábado 17 de novembro estivemos cos trastos no barrio de San Pedro, no marco do magosto organizado pola Asociación Veciñal A Xuntanza co apoio da Comisión de Festas do Barrio. Unha noite de festa, castañas, Lúa e Pléiades. Como é habitual nese activo barrio, moitas veciñas e veciños participaron con nós. Aquí tedes unha foto dos teles plantados na Rúa Aller Ulloa, á beira da Porta do Camiño. Ramón María Aller Ulloa foi un astrónomo galego, fundador do Observatorio Astronómico da USC que hoxe leva o seu nome.

Etiquetas:

16.11.07

Outra noite de estrelas na Praza Roxa

Convidados pola activa Asociación de Veciños "Raigame" do barrio do Ensanche compostelán, compartimos outra noite de estrelas coas veciñas e veciños da zona nova da cidade. As Pléiades, a magnífica estrela dobre Albireo e un cometa Holmes algo máis feble que en días anteriores formaron parte do menú. O Centro Sociocultural do barrio prestounos a pantalla para proxectar as presentacións e o Concello de Santiago tivo -unha vez máis- o detalle de apagar as luces da praza durante case tres horas para facilitar a visión do ceo.

Etiquetas: ,

NGC891: Unha galaxia preciosa

Velaí unha imaxe de NGC891, unha preciosa galaxia vista de canto, obtida por Ramón Iglesias Marzoa do Clube Vega dende os contaminados ceos composteláns. As galaxias son agrupacións de miles de millóns de estrelas. O noso sistema solar forma parte tamén dunha galaxia, a Vía Láctea. Se tes a oportunidade de ir a algún lugar con ceos escuros, verás a Vía Láctea como unha banda que atravesa o ceo. Se queres ver unha imaxe de como pensan as e os astrónomos que se vería a Vía Láctea "dende fóra", fai clic aqui

Etiquetas:

A por Holmes!

O pasado 9 de novembro andivemos á caza do cometa Holmes dende as instalacións da Escola Universitaria de Óptica e Optometría da USC. A contaminación lumínica e unha tenue capa de nubes altas non nolo puxeron doado, pero Holmes... estaba alí. Na imaxe, unha foto dos e das valerosas astrónomas que aguantaron o frío até última hora :-)

Etiquetas:

7.11.07

O cometa Holmes, dende Kompostela


Velaí a fermosas imaxes do Cometa Holmes obtidas por Ramón I. Marzoa (Clube Vega / AnB) dende Compostela nas noites do 27 e do 31 de outubro. Podedes ver a brillante zona do núcleo rodeada pola nube de gas e pó expulsados logo da explosión do día 23 de outubro. O nome técnico desta nube é "coma" (que en latín quere decir cabeleira). Hai 50 anos o astrónomo Fred L. Whipple definiu os cometas como "dirty snowballs". Os cometas veñen sendo pois "suxas bolas de neve peludas" :-) Na segunda foto, tomada catro días despois da primeira, a nube ten maior tamaño: o cálculo preliminar que fixemos é que a velociodade de expansión da capa máis externa está perto dos 2000 km/h.

Etiquetas: