Astronomía na beirarrúa: abril 2007

16.4.07

Feira na Rúa de San Pedro

Estivemos de novo no barrio de San Pedro. Día precioso, rúa peatonalizada, feira de troco e venda de produtos de tendas e artesáns do barrio e de toda Galiza... e un posto de Astronomía na beirarrúa, claro!. Dende as 10.00 até as 20.00 de palique cos veciños e veciñas na metade da rúa, de onde son as imaxes que podedes ver aquí. A persoa que sae nas fotos atendendo o posto é o incansábel Ramon I. Marzoa, vicepresidente do Clube Vega que non tivo un minuto de respiro atendendo ás persoas que se achegaron a onde estabamos.
Pola noite, observación na Porta do Camiño. O aire moi tranquilo, nen pizca de vento, e unha atmósfera limpa e transparente deixáronnos disfrutar de Saturno coma nunca antes. O seu satélite Titán e mesmo a sombra que os aneis proxectaban sobre o planeta se podían ver con claridade. Podedes ver como recolleu a prensa local estas actividades nas seguintes ligazóns: La Voz, El Correo.
Aquí tedes algunhas fotos do día; en canto nos cheguen todas as que fixeron os compas e amig@s subiremos unha selección a unha páxina da que vos informaremos.
Parabéns á Comisión de Festas do Barrio por esta magnífica iniciativa e polo apoio que nos prestaron. Non vos perdades as festas deste ano, a finais do mes de xuño!


Etiquetas: ,

3.4.07

A noite na Praza Roxa foi un éxito. Novas actividades

Hai días nos que acontecen pequenas casualidades que case chegan a milagres :) O pasado 23 de marzo pensamos que a chuvia e as nubes non nos permitirían facer a observación na rúa cos veciños do Ensanche e mesmo tiñamos prevista unha actividade alternativa nos locais do centro sociocultural... Pero, afortunadamente, o ceo quedou limpísimo de nubes ás 20h e permaneceu así até pasadas as 22h. Puidemos pois plantar telescopios xunto cos amigos do Clube Vega e celebrar coa Asociación Veciñal Raigame o seu XX aniversario, vendo "en directo" a Lúa, Venus, Saturno e a Nebulosa de Orión, berce onde están a nacer nestes mesmos momentos novas estrelas.

Que conste que dúas persoas, independentemente, xa nos avisaran de que habería boa noite e poderíamos observar... unha delas Agustín Pena, Secretario da A.V. Raigame, que debe ter algún contacto segredo co Meteosat :). A outra, José Ángel Docobo, director do Observatorio Astronómico "Ramón María Aller" da USC, que non puido estar esa noite con nós por ter outras obrigas previas. A proxección de imaxes astronómicas foi posible grazas aos medios prestados pola Asociación Veciñal A Xuntanza de San Pedro e polo Centro Sociocultural do Ensanche, ao frente do cal está, dende a súa recente apertura, Tate. O Concello de Santiago colaborou tamén apagando o alumeado público da Praza Roxa, a petición da asociación veciñal, o que fixo aparecer de súpeto o ceo ante os nosos ollos. A todos eles, e aos compas de MeteoGalicia, un saúdo dende aquí.

Esperamos que a experiencia de reducir o nivel de luz fose positiva para a administración e os veciños e que se dean pasos decididos para rematar co derroche inútil de recursos e coa contaminación lumínica que provoca, e recuperar así o ceo nocturno como parte da nosa vida cotiá.

E voltamos á rúa! O sábado 14 de abril, dende as 11h até as 20h participaremos cun posto na Rúa de San Pedro, na Feira de Artesanía que organiza a incansable Comisión de Festas do Barrio. Se hai boa noite o mesmo quedamos por alí para observar coas veciñas e veciños que se acheguen onda nós. Vinde visitarnos!

Etiquetas: