Astronomía na beirarrúa: março 2007

22.3.07

:) Temos "Plan B" para este venres! :)


Choverá mañá á noitiña? Non choverá? Haberá nubes e claros, como din algúns pronósticos ou caerán chuzos de punta? Neste momento non apostaríamos o soldo enteiro por unha cousa ou outra. Os nosos compas de MeteoGalicia prevén nubes e claros, aínda que non din se máis nubes que claros ou ao contrario :)


Temos "plan B", non imos cancelar a actividade prevista para este venres .

A poucos metros da Praza Roxa, na rúa Frei Rosendo Salvado 14-16 está, aberto aos veciños e veciñas, o novo Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche. Un Centro noviño do trinque, que paga a pena coñecer, e que ten unha zona de exposicións á entrada con amplos ventanais, ben visíbel para calquera que pase pola rúa. Se mañá pasades pola Praza Roxa a partir das 20h e non nos vedes, será porque o ceo estárá cuberto de todo: estaremos entón no Centro Sociocultural, até iso das 22h (o centro pecha a esa hora ou un chisco antes), cos telescopios montados expostos na entrada para que calquera poida velos e/ou aprender a manexalos. Convidámosvos a pasar por ali!

Agradecemos de verdade á dirección do Centro a súa sensibilidade e axuda acolléndonos en
caso de mal tempo.

E se en calquera momento se abre o máis mínimo buratiño na capa de nubes, levaremos inmediatamente os trastos á Praza Roxa para observar, porque a Lúa, Venus, Saturno e as Pléiades están preciosos nesta época do ano.


Etiquetas:

19.3.07

Voltamos á rúa!!

Voltamos á rúa!! Se o tempo non o impide, o próximo venres día 23 de marzo a partir das 20.30 horas estaremos con todos os trastos na Praza Roxa, convidados pola Asociación Veciñal "Raigame" para celebrar os seus 20 anos da mellor forma posíbel: recibindo á primavera.
Estades todas e todos convidados, e se alguén quere botarnos unha man coa organización ou manexo dos teles, é benvid@! No menú da noite temos Venus, Saturno, a Lúa, a nebulosa de Orión, as Pléiades... hai onde elixir.
Se o tempo está malo quedaremos cos telescopios nalgún local do barrio que anunciaremos oportunamente, para vernos e charlar, e tentarémolo de novo o venres seguinte día 30.
Desexámoslle a RAIGAME que cumpra moitas máis primaveras...

Etiquetas:

Fotos do Cometa Hale Boop

A principios de xaneiro deste ano, o cometa McNaught apareceu por sorpresa no ceo brillando intensamente durante uns días... e iso fíxonos lembrar que hai dez anos, en abril de 1997, visitou os nosos ceos un dos cometas máis fermosos e impresionantes das últimas décadas: o cometa Hale-Boop.

Juan Ponte enviounos estas fotos que sacou daquela, utilizando película Fuji G-400, e sistema de guiado manual realizado con cámara reflex Pentax en paralelo co telescopio. (Fai clic aqui se queres velas... A páxina pode tardar algo en cargar porque cada foto é duns 700 K, máis ou menos: Pero pagan a pena!)

Etiquetas: