Astronomía na beirarrúa: outubro 2007

29.10.07

Non deixes de ver o cometa!

Se as nubes despexan, non deixes de ver o cometa Holmes! Un modesto cometa que até hai uns días non se podía ver se non era con grandes telescopios tivo un repentino estoupido e aumentou tanto o seu brillo que hoxe se pode ver a simple vista, na constelación de Perseo, mirando cara o Norte (un chisco ao Leste) a primeiras horas da noite. A ollo parece unha estrela máis, debaixo e á esquerda de "alfa Persei" . Con prismáticos, vese moi ben a nube -de momento redonda- de gas e po en torno a el. É unha boa ocasión para observar un destes vellos viaxantes do sistema solar, que agora mesmo se alonxa de nós. Está a case 250 millóns de km da Terra, entre as órbitas de Marte e Xúpiter. Podes ver a súa posición e como se vai mover no futuro na web da Nasa, pinchando aqui.
Non cho perdas!
Que por que explotou Holmes? Elemental, querido Watson... :-)

Etiquetas:

16.10.07

E contamos estrelas...

... pola cidade de Compostela, co resultado de que no Campus Sur puidemos velas até a magnitude 4, na Praza do Obradoiro a cousa quedaba en magnitude 3 (debido entre outros motivos aos cañóns de luz que alumeaban a fachada da catedral) e no Parque de Belvís os ceos chegaban á magnitude 5. A Vía Láctea, o Camiño de Santiago, hoxe por hoxe non se pode ver dende o Obradoiro. Évos o que hai... pero o cambiaremos! ;-)

Etiquetas: ,

10.10.07

Imos contar estrelas!

Se o ceo se mantén despexado como até o de agora, mañá xoves día 11 de outubro sairemos á noitiña por Kompostela para contar estrelas... É un xeito práctico de medir a contaminación luminosa da cidade: o número de estrelas que se poden ver en calquera rexión do ceo diminúe se a contaminación aumenta. Contando as estrelas que se ven nunha zona determinada, e coñecendo polos mapas estelares cantas hai segundo o seu brillo podemos establecer cal é a "magnitude límite" visíbel dende cada lugar de observación.

Esta actividade enmarcámola na campaña mundial que dende o 1 ao 15 de outubro está promovendo a UCAR (University Corporation for Atmospheric Research) dentro do programa Xanela ao Universo.

Podedes atopar guías da actividade en diversos idiomas premendo aqui.

Se queres participar con nós envíanos un correo !

Etiquetas: ,