Astronomía na beirarrúa: Xuntanza de Telescopios o sábado 2 de Maio na Praza do Obradoiro

29.4.09

Xuntanza de Telescopios o sábado 2 de Maio na Praza do Obradoiro

















No marco das celebracións do Ano Internacional da Astronomía 2009, a Vicerreitoria de Cultura da Universidade de Santiago de Compostela e o Clube Vega de Astronomía, coa colaboración de Turismo de Santiago-Incolsa e da Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, organizan unha Xuntanza de Telescopios que terá lugar o próximo sábado día 2 de Maio, na Praza do Obradoiro, con comezo ás 20h e remate ás 24h.

Nesta mostra participarán afeccionados e asociacións de toda Galicia, que porán a disposición do público asistente os seus telescopios e ofrecerán o seu asesoramento a todas as persoas que o desexen. A xornada inscríbese nas accións que se están a desenvolver a nivel mundial promovidas por diversos organismos internacionais para a recuperación do ceo nocturno como parte da paisaxe cotiá das nosas cidades e vilas, e como elemento fundamental do patrimonio cultural da humanidade, na liña recollida na Declaración Starlight (La Palma, 2007) recentemente adoptada pola Universidade de Santiago de Compostela. Será tamén unha ocasión para dar a coñecer as causas e efectos da contaminación lumínica e as súas posibeis solucións.

Será unha actividade lúdica e festiva, aberta a toda a cidadanía e ás persoas que nos visiten ese día, e incluirá unha observación nocturna dos ceos composteláns á que convidamos a todos os asistentes.

Etiquetas: