Astronomía na beirarrúa: novembro 2006

30.11.06

Observación na Praza Roxa (barrio do Ensanche)

Por fin !! O tempo deunos un respiro e onte día 29 montamos os telescopios na Praza Roxa de Compostela axudados polos amigos da AsociaciónVeciñal "Raigame". Utilizamos seis telescopios de diferentes tipos e un par de postos de observación con prismáticos sobre trípode.

Os colegas do Clube Vega trouxeron a Celestino, un reflector de 20 cm feito por eles e que nos deu unhas marabillosas vistas da Lúa. Varios dos participantes sacaron fotos cos seus móbiles ou cámaras dixitais, en canto nos cheguen algunhas colgarémolas na rede.

Estivemos alí dende as 20.00 até as 01.30, e foi moita a xente que pasou a botar un ollo, consultar dúbidas ou propor ideas para actividades. Apertas para tod@s. Especialmente para unha persoa do Xapón recén chegada a Kompos que non paraba de exclamar "Oh, my God!" mentras percorría a Lúa co refractor de 90 mm e para Sandra, a máis nova e máis entusiasta do equipo de astrónom@s cos que contamos esta noite.

Se queres estar informad@ das próximas actividades ou facer calquera proposta, escríbenos un correo ao enderezo

Etiquetas:

Xuntanza de astrónom@s galeg@s

O pasado sábado día 25 de novembro, no local do Clube Vega no Centro Sociocultural da Trisca (Barrio de San Pedro, Kompostela) tivo lugar unha reunión de persoas vencelladas ás diferentes asociacións astronómicas galegas para falar, entre outros temas, da creación dunha Federación. A asistencia foi numerosa e as perspectivas moi boas. Saudamos dende aquí a todas e todos os participantes nesa inciativa!

Etiquetas:

24.11.06

Imaxes da galaxia NGC1313 - Observatorio Europeo Austral

@s colegas do Observatorio Europeo Austral (E.S.O.) infórmannos da recente publicación de novas imaxes da galaxia NGC1313, obtidas cos telescopios VLT de clase 8 metros situados en Cerro Paranal (Chile).

Esta galaxia mostra un elevado ritmo de nacemento de novas estrelas, nela prodúcense procesos altamente enerxéticos e prantexa interesantes enigmas para a investigación astronómica.

Se queres saber máis e ver as imaxes con maior resolución, bota un ollo á páxina abaixo indicada
http://www.eso.org/outreach/press-rel/pr-2006/pr-43-06.html

Etiquetas:

15.11.06

Pois caen chuzos de punta... Aprazamos a Mostra!

Vista a que está caendo, e a predición dos nosos colegas de MeteoGalicia de que a cousa irá a peor (ver aviso )...

APRAZAMOS a Mostra de telescopios

que iamos facer hoxe na Praza Roxa até calquera día axeitado das próximas dúas semanas, que procuraremos que estea despexado e cadre ben para observar as paisaxes da Lúa.
Avisarémosvos por email e no blog da data da Mostra, e tamén das demáis actividades que se programen. E se tes algunha idea que queiras compartir, ou algunha proposta de actividade interesante, xa sabes... escribenos!

Etiquetas:

13.11.06

Mostra de telescopios na Praza Roxa

Este mércores día 15 de novembro, a partir das 20:00 horas, celebraremos un encontro informal de afeccionados e unha mostra de telescopios na Praza Roxa do ensanche compostelán, organizada coa Asociación Veciñal "Raigame".

O obxectivo é poñer en contacto entre si ás persoas con interese por estes temas e dar a coñecer as actividades das asociacións de astronomía do entorno de Compostela. "Astronomía na beirarrúa" convídavos a participar e levar os vosos propios telescopios ou prismáticos, para resolver as dúbidas que teñades sobre o seu funcionamento e axudarvos a tirar o máximo partido deles.

A día de hoxe as condicións meteorolóxicas previstas para a tardiña do mércores non son as mellores do mundo, pois probábelmente entrará unha borrasca :( (máis detalles en MeteoGalicia). Se chove pouco manteremos igual a actividade; se caen chuzos de punta estudiaremos aprazala. Se queres estar informad@ das novas de última hora, envíanos un email a ver enderezo (se xa estás na nosa lista de correo e recibes habitualmente as nosas informacións non necesitas facelo de novo).

Se queres baixar unha copia do cartel en formato A3 fai clic aqui

Etiquetas:

10.11.06

E a noite foi unha festa...

Tiñamos pensado quedar até as 22.30 pero recollimos á 1 da mañá. As Pléiades e a Lúa estaban impresionantes. E impresionadas quedaron as persoas que compartiron con nós esta actividade. Algunhas delas era a primeira vez que vían "de cerca" os cráteres e os mares lunares, ou o acio de pequenos diamantes que é o cúmulo estelar aberto das Pléiades... Outras descobriron que, cunha cámara dixital normal ou coa cámara dun móbil se poden sacar boas fotos a traverso dun telescopio.

Queres ver as fotos desta noite? fai clic en

E o próximo mércores, día 15, a partir das 20.00h se o tempo non o impide... encontro de persoas aficionadas á astronomía e telescopios na Praza Roxa coorganizada coa Asociación Veciñal Raigame, do barrio do Ensanche compostelán. Agardámoste e convida a quen queiras!

Etiquetas: ,

9.11.06

Observación no barrio de San Pedro

Hoxe xoves día 9, a partir das 20.30 h (e polo menos até as 22.30) estaremos na Porta do Camiño, o lugar onde o Barrio de San Pedro se xunta coa Cidade Vella, para observar o ceo. Estades convidados!. Agradecemos o apoio da Asociación Veciñal A Xuntanza, sempre activa para facer deste barrio un lugar interesante para vivir.

Na imaxe tedes os obxectos que -se non hai nubes- poderemos observar en dirección Leste. Fai clic nela para vela aumentada.

As luces da cidade farán que o ceo non se vexa tan ben como nesta predición: é o problema que se chama "contaminación lumínica". Demasiada luz do sistema de alumeado público vai cara arriba facendo brillar o aire e diminuindo os contrastes. Non só é un derroche inútil de enerxía. A contaminación lumínica prívanos de ver o ceo cada noite. Moitos e moitas de vós quedaríades pampos vendo centos de estrelas nunha noite clara lonxe das luces da cidade. Pois todas esas estrelas están aquí, cada noite, sobre Compostela. As luces (e moitas veces as nubes tamén, claro :) nos impiden velas. Apoia as iniciativas para conseguir sistemas de alumeado público que non contaminen!

Etiquetas:

5.11.06

Participa na SEMANA DA CIENCIA !

Este luns día 6 comeza a Semana da Ciencia, que durará até o 19 de novembro. Si... é a única semana do ano que dura case quince días :) e está chea de actividades interesantes en diferentes cidades e vilas de Galicia. Se queres ver o programa, visita a web Semana da Ciencia. Participa nelas: paga a pena!

Astronomía na beirarrúa forma parte das iniciativas desta Semana. Dentro delas, convidámosvos á reunión que imos facer este mércores día 8, a partir das 19.00 h, na Aula 4 da Facultade de Física da USC, na que
(1) Presentaremos os novos telescopios cos que contamos para as observacións
(2) Comentaremos o calendario previsto de observacións na rúa, nas que vos animamos a participar
(3) Informaremos doutras actividades da Semana da Ciencia
(4) Falaremos de propostas para facer durante o resto do curso (as ideas son benvidas!)

A reunión é aberta. Se coñeces a alguén a quen lle interese, convída@ a vir!

Etiquetas: