Astronomía na beirarrúa

14.12.09

Un regalo para os ollos

Choveron estrelas sobre Galicia e o resto do mundo, nesta fría noite de invernía. Estrelas fugaces que por efecto de perspectiva parecían provir da constelación de Gemini (Os Xemelgos) e que nos deixaron unha das chuvias máis vistosas do ano.

Este foi tamén o estreo da C'MON! (Collaborative Meteor Observatory Network) a Rede Galega de Seguemento de Meteoros, formada por afeccionad@s e profesionais de toda Galicia. Estivemos durante toda a noite gravando as trazas que deixaban os meteoros coa intención de poder triangular para deteminar as súas traxectorias e, se cadra, aprender algo máis sobre as orixes do Sistema Solar.

Frío fixo abondo: na foto, unha imaxe de Pablo, da Asoc. Astronómica Rias Baixas, que montou a estación de observación no alto de Fontefria (e comprobou persoalmente o porqué dese nome :-)

Se queredes ver un video con trazas de 30 meteoros, gravado desde o barrio de San Pedro en Compostela, clicade aqui.

Se queredes ver dous preciosos videos "time lapse" desta pasada noite, non vos perdades o de Óscar, da Agrup. Astronómica Io da Coruña (clic aquí) e o de Xurxo, de CieloBarbanza (clic aquí). Desfrutádeos a pantalla completa... pagan a pena!!

Etiquetas:

18.11.09

Leónidas '09: a chuvia de estrelas quedou en orballo... :)

Onte día 17 tivo lugar a chuvia de estrelas coñecida como "As Leónidas" porque por un efecto de perspectiva semellan saír da constelación de Leo, o león. Foi moito menos intensa do previsto, así que poucos foron os e as afortunadas en ver meteoros brillantes.

@s astrónom@s afeccionad@s galeg@s fixeron un importante esforzo para obter datos científicos sobre este evento, pero a noite en moitos lugares non acompañou. Iso, si, pasar pasámolo ben :) . E algunhas estrelas fugaces quedaron rexistradas polas cámaras: velaí unhas cantas obtidas polo noso colega Pablo Canedo, que ten unha longa experiencia gravando as cousas que acontecen no ceo: videos en youtube - vimeo


Estaremos atentos á seguinte chuvia, as Xemínidas (adiviñades o por que do nome? ;)) que terá lugar o próximo 14 de decembro.

Etiquetas:

12.11.09

Calendario Celeste, mes de novembro

O Clube de Astronomía Vega, de Santiago de Compostela, acaba de publicar o seu calendario celeste do mes de Novembro. Se queres botarlle un ollo para saber que hai no ceo deste mes, podes baixalo en pdf clicando aquí.

10.9.09

Astrogalicia 2009

Do 18 ao 20 de setembro, en Maceda, perto de Ourense, AstroGalicia-2009, a Festa da Astronomía Galega. Anímate a participar !!
http://www.astrogalicia.org/
Toda a información, e máis, clicando aquí.

Etiquetas:

6.9.09

Música e Estrelas nas Festas de Conxo

Onte á noite música e estrelas na I Festa da Cabra do compostelán barrio de Conxo. Despois dun día g-astronómico, lembrando aquel Banquete de Conxo que tivo lugar no xa lonxano 1856, desfrutamos da noite na compaña da boa música dos grupos A Roda, Arrás e Tombalobos. Parabéns ás asociacións organizadoras, e saúdos aos amigos da Roda, algún dos cales tamén se achegou a botarlle un ollo ao ceo cos veciños e veciñas do barrio.

Etiquetas:

5.9.09

Festas da Rúa de Abaixo


------------------------- Parabéns á Asociación veciñal "As Marías" e demais entidades que fan posíbeis as "afamadas e tradicionais festas da rua de baixo". Onte pasámolo fenomenal con eles, en especial c@s pequen@s do barrio, todas e todos uns astrónomos en potencia!
As festas desa rúa continuan hoxe... Non deixedes de ir!
AnB estará no barrio de Conxo.

Etiquetas:

2.9.09

E esta fin de semana... de novo en Compostela !

AnB volta ás rúas compostelás!

Este venres día 4 estaremos nas festas que organiza a Asociación veciñal "As Marías", en colaboración coas entidades do barrio, na Rúa de Abaixo (rúa do espírito santo)

E o sábado día 5, na I Festa da Cabra, no barrio de Conxo, organizada pola Asociación de Veciños de Conxo Doutor Maceira, a A. VV. da Rocha e a Asociación Cultural A Rocha Forte. A partir das 20h ou así xa nos veredes por alí... Festas e G-Astronomía na finde!

Etiquetas:

31.8.09

Descubrindo o Universo, na Pobra

A actividade convocada por "Cielobarbanza" para o pasado sábado día 29 foi todo un éxito.
Centos de veciñas e veciños da Pobra do Caramiñal e persoas que visitaban a vila achegáronse até a praza na que estaban instalados máis de vintecinco telescopios e acompañáronnos até ben pasadas as dúas da madrugada. A Lúa, Xúpiter, a preciosa estrela dobre Albireo e a galaxia de Andrómeda foron os protagonistas da noite.

Participaron na convocatoria asociacións de astrónom@s afeccionad@s de toda Galiza.

Imaxe: instalando os telescopios á tardiña.

Etiquetas:

22.8.09

27 de agosto: Marte do mesmo tamaño que a Lúa?


Desde o ano 2003 circula periodicamente pola rede un correo lixo anunciando que na noite do 27 de agosto Marte vai estar tan perto da Terra que se poderá ver a simple vista co tamaño da Lúa chea. Por desgraza e por fortuna, é un bulo sen fundamento. Por desgraza, porque certamente sería un espectáculo precioso, se fose posíbel, que non o é. Por fortuna, porque se Marte estivese tan perto da Terra como para velo sen telescopio dese tamaño, os efectos de marea rematarian probabelmente con todos nós.

Se vos chega un correo anunciando este "fenómeno" non o reenviedes. É puro spam. Quen queirades saber máis sobre a orixe deste fraude, botádelle un ollo ás interesantes páxinas:

- Marte com o mesmo diâmetro aparente da Lua? (Ciência Viva, PT)
- The Mars hoax (Wiki-EN)
- Mars Hoax Returns (Sky and Telescope-EN)

Desfrutade dos preciosos ceos de verán e animádevos a participar nalgúns dos encontros e noites de estrelas que se están a calebrar por toda Galiza! O próximo, o sábado 29 de agosto na Pobra do Caramiñal (máis info noutro post deste blog)

Etiquetas:

16.8.09

E o sábado 29... na Pobra do Caramiñal !

Convocada pola asociación Cielobarbanza, o sábado 29 de agosto terá lugar na Praza Maior da Pobra do Caramiñal unha xornada para celebrar o Ano Internacional da Astronomía.

Pola mañá haberá observacións do Sol entre as 11h e as 13h, e xa pola noite, de 22h a 02h, haberá proxeccións, charlas, sorteos de planisferios e unha observación do ceo para todas as persoas que o desexen, utilizando os telescopios que alí montará Cielobarbanza coa participación de telescopios de toda Galiza.

Para ver toda a información fai clic aqui.

Pásate por alí!

Etiquetas: