Hai días nos que acontecen pequenas casualidades que case chegan a milagres :) O pasado 23 de marzo pensamos que a chuvia e as nubes non nos permitirían facer a observación na rúa cos veciños do Ensanche e mesmo tiñamos prevista unha actividade alternativa nos locais do centro sociocultural... Pero, afortunadamente, o ceo quedou limpísimo de nubes ás 20h e permaneceu así até pasadas as 22h. Puidemos pois plantar telescopios xunto cos amigos do
Clube Vega e celebrar coa
Asociación Veciñal Raigame o seu XX aniversario, vendo "en directo" a Lúa, Venus, Saturno e a Nebulosa de Orión, berce onde están a nacer nestes mesmos momentos novas estrelas.
Que conste que dúas persoas, independentemente, xa nos avisaran de que habería boa noite e poderíamos observar... unha delas
Agustín Pena, Secretario da A.V. Raigame, que debe ter algún contacto segredo co Meteosat :). A outra,
José Ángel Docobo, director do
Observatorio Astronómico "Ramón María Aller" da USC, que non puido estar esa noite con nós por ter outras obrigas previas. A proxección de imaxes astronómicas foi posible grazas aos medios prestados pola
Asociación Veciñal A Xuntanza de San Pedro e polo
Centro Sociocultural do Ensanche, ao frente do cal está, dende a súa recente apertura,
Tate. O
Concello de Santiago colaborou tamén apagando o alumeado público da Praza Roxa, a petición da asociación veciñal, o que fixo aparecer de súpeto o ceo ante os nosos ollos. A todos eles, e aos compas de
MeteoGalicia, un saúdo dende aquí.
Esperamos que a experiencia de reducir o nivel de luz fose positiva para a administración e os veciños e que se dean pasos decididos para rematar co derroche inútil de recursos e coa
contaminación lumínica que provoca, e recuperar así o ceo nocturno como parte da nosa vida cotiá.
E
voltamos á rúa! O
sábado 14 de abril, dende as 11h até as 20h participaremos cun posto na
Rúa de San Pedro, na
Feira de Artesanía que organiza a incansable
Comisión de Festas do Barrio. Se hai boa noite o mesmo quedamos por alí para observar coas veciñas e veciños que se acheguen onda nós. Vinde visitarnos!
Etiquetas: actividades