Iniciativa Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno como Dereito Científico, Cultural e Medioambiental da Humanidade
Boas novas para quen están preocupad@s polo despilfarro de enerxía que supón a contaminación lumínica dos nosos ceos e pola perda das estrelas como parte da nosa paisaxe cotiá. Promovida pola Unesco, o Instituto de Astrofísica de Canarias, a reserva da Biosfera de La Palma, o Goberno de Canarias e o Ministerio de Medio Ambiente, o próximo mes de abril vaise lanzar a iniciativa internacional en defensa da calidade do ceo nocturno "Starlight 2007".
Tal e como comentan na presentación:
"A iniciativa concíbese como unha campaña internacional en defensa da calidade dos ceos nocturnos e o dereito xeral á observación das estrelas, aberta á participación de todas as institucións e asociacións científicas, culturais e cidadás relacionadas coa defensa do firmamento.
Preténdese así reforzar a importancia que os ceos limpos teñen para a humanidade, realzando e dando a coñecer o valor que este patrimonio en perigo posúe para a ciencia, a educación, a cultura, o turismo, e evidentemente, como factor de calidade de vida. Un importante aspecto da iniciativa será, pois, axudar a difundir os beneficios directos e indirectos, tecnolóxicos, económicos o u culturais, asociados á observación das estrelas.
O lanzamento da iniciativa farase a partir da Celebración da Conferencia Internacional en Defensa da Calidade do Ceo Nocturno e o Dereito á Observación das Estrelas, a celebrar en La Palma (Illas Canarias) en Abril do 2007. Un obxectivo básico deste encontro será promover a Declaración Universal do Dereito á Luz das Estrelas, como expresión do compromiso de protección deste patrimonio común da humanidade."
Etiquetas: contaminacion luminica